Saturday 04 de May de 2024

A Casa da Cultura de Lousame acolle ata o 24 de xuño a exposición do alumnado do terceiro Obradoiro de Fotografía


Por primeira vez, a exposición sairá de xira para expoñerse no centro social de Cabo de Cruz en xullo e no centro social de Boiro en agosto
A sala de exposicións da Casa da Cultura do Concello de Lousame acollerá ata o próximo 24 de xuño unha mostra de 41 imaxes do alumnado do Obradoiro de Fotografía, unha iniciativa organizada polo Concello de Lousame e que foi impartida polo Colectivo Olláparo entre os meses de febreiro e abril.

A mostra foi inaugurada o pasado sábado pola concelleira de Xuventude, María Regenjo, e polo presidente de Olláparo, Martín Casanova, diante de case medio cento de veciños e veciñas. Unha exposición que poderá visitarse en Lousame ata o vindeiro 24 de xuño e que, por vez primeira, viaxará a outro municipio xa que poderá ser visitada no centro social de Cabo de Cruz durante o mes de xullo e no centro social de Boiro durante o mes de agosto. Unha novidade que sorprendeu e fixo moita ilusión ao alumnado presente no acto.

María Regenjo felicitounos polo seu traballo xa que “cada ano as fotos soben de nivel” e anunciou que “dende o Concello de Lousame continuaremos organizando novas edicións deste curso para que se sume máis xente ao mundo da fotografía e para que os que xa estades sigades mellorando”. Pola súa banda, Martín Casanova apuntou que a exposición “quedó muy coqueta y variada, más que el año pasado porque tuvimos más salidas. Y la de Muros le da un toque marinero que antes no teníamos”.

Os 24 alumnos e alumnas volverán reunirse o próximo mes de setembro para facer unha saída práctica de dous días para practicar a fotografía nocturna.